Monday 23 de September de 2024

Cariño ‘rescata’ do mar o pesqueiro Artal 13 anos despois e estuda un novo uso en terra


• O Concello pon fin así ao abandono do barco de titularidade municipal, que ocupaba un posto de amarre no porto e era un foco de perigo en situacións de temporal

O Concello de Cariño ‘rescatou’ do mar esta mañá o pesqueiro Artal, abandonado á súa sorte desde hai 13 anos. Un guindastre especial contratado polo goberno dirixido por Ana María López retirou esta mañá do mar o barco, de titularidade municipal, e agora estuda proxectos para rehabilitalo e darlle un novo uso en terra.

O pesqueiro Artal reconverteuse no xa afastado ano 2007 en barco de uso turístico tras a cesión dos propietarios ao Concello de Cariño. Con todo, apenas catro anos despois, a embarcación deixou de utilizarse por, como naquel momento argumentou o goberno local, o elevado custo que supoñía ás arcas municipais.

Desde entón, o barco amarrouse no mar como medida provisional. Unha medida provisional que se alongou durante 13 anos, ata que o actual executivo decidiu retiralo do peirao. O obxectivo non é só acabar cun foco de perigo para as persoas que se acheguen á zona portuaria en situacións de temporal, senón tamén liberar unha praza de amarre e atopar unha nova utilidade a este recurso municipal.
“Agora gardarase en terra e estudaremos unha rehabilitación que é máis que posible como paso previo a definir un novo uso. Non tiña sentido ter o barco aí no medio do mar, co consecuente perigo que podía supoñer para os nosos veciños. Sempre dentro de custos razoables, definiremos un proxecto que lle volva a dar utilidade a esta embarcación que simboliza parte do noso patrimonio marítimo e a nosa identidade”, apuntou a alcaldesa, Ana María López.

Deja un comentario